miércoles, 11 de marzo de 2015

Pedrafita do Hospital, Palas de Rei, Lugo

Pedrafita do Hospital, Palas de Rei. Lugo

Hoxe (que xa facía tempo) teño ganas de introducir un elemento que xa tiñamos recollido pero que os arqueólogos melidenses Cristina Vázquez e Xurxo Broz tiveron a amabilidade, tanto de actualizar a información, como de enviarma. Trátase do Marco do Hospital, posible pedrafita erixida na denominada necrópole do Marco. Tamén se coñece con outros dous nomes: Marco e Marco das Cruces.



Atópase situada no Concello de Palas de Rei, lindando co Concello de Toques e emprázase enriba dunha mámoa da necrópole do Marco. Divide parroquias, concellos e as provincias de A Coruña e Lugo. Na documentación aparece xa citado na Idade Media e tamén na Idade Moderna cumplindo a función de marco. É importante subliñar que aos poucos metros discorre o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

Estruturalmente pódese describir como un gran esteo con forma ou sección triangular moi aguda no cume. Na cara do leste debúxase unha cruz de termo e dúas mais na cara do oeste.



Segundo os nosos amigos de Melide, non se debe descartar que esteamos diante dun esteo da anta na que se asenta (no inicio do cono de violación) e ser reaproveitada como Marco de Termo na Idade Media.

No Boletín nº 19 do Museo de Terra de Melide hai publidado un artigo firmado por Xosé Manuel Rei Broz sobre esta probable pedrafita. O autor amosa dúas fotografías e os debuxos das dúas caras do Marco nas que están as cruces de termo.



Este texto baséase nas informacións escritas amablemente proporcionadas por Ristina Vázquez e Xurxo Broz. As fotografías son tamén deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario