miércoles, 28 de enero de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Campos, Melide

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Campos, Melide

Hai uns días puxéronse en contacto comigo, vía correo electrónico, dous activos e inquedos arqueólogos que colaboran asiduamente con Museo da Terra de Melide. Estes mozos son Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez. Ambos os dous enviáronme as fotografías e descrición de tres posibles pedrafitas estudadas por eles e ubicadas nos amplos horizontes de Terra de Melide e Arzúa.

Hoxe vou incorporar no blogue un destes interesantes elementos megalíticos a saber, a Pedrafita do Casal.

Seguindo a breve reseña enviada por estes dous novos amigos, a descrición formal achéganos a un gran megalito con clara forma de pedrafita, feita en gneis. Engaden que as dimensións son moi semellantes as dun ortostato dunha anta. A base, en xeral, adopta forma redondeada con extremo apuntado e a sección é en xeral ovalada. En canto ás dimensións, acada ao redor de 5 metros de altura, maila que á vista só sobresaen uns 3,30 metros. De ancho non excede dous metros.




Segundo a avezada descrición destes investigadores, semella que foi feita coidando moito o deseño, de xeito que se pode concluir a súa adscrición prehistórica. En canto á superficie, aínda que non amosa gravado algún, está moi ben regularizada. 

A xeito de concluisón, segundo Cristina e Xurxo, hai que considerar dúas hipóteses en canto á esta extraordinaria peza: ou ben estamos diante dunha auténtica pedrafita ou, pola contra, podería tratarse dun esteo dalguna cámara megalítica. Con todo, si hai que decantarse ou apostar pola súa tipoloxía, desde aquí, posiciónome claramente pola hipótese pedrafiteira. Por último, dicir que a pedrafita foi atopada no ano 2012.




No Boletín nº 25 do Museo da Terra de Melide aparece un artigo destes autores sobre a devandita pedrafita.

Aportación de fotografía e información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz rodríguez.


jueves, 15 de enero de 2015

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo. Pontevedra

Evidentemente, o elemento etnográfico que me ocupa hoxe, non é unha anta nin calquera outro elemento megalítico. Non é unha anta e, sen embargo, como se parece!

Este curioso elemento, bastante abondoso polo sur da Nosa Terra, lévame a facer unha pequena reflexión despois da  descrición formal.




A Choza en cuestión amosa planta tendente a circular construida a base de mampostería e cunha cuberta que semella unha ruda bóveda  pechada con pedra e terróns vexetais, coa segura función de conseguir un bo illamento, tanto do frío como do calor que impera polas montesías terras da Serra do Suido. No exterior, un muro tendente a circular debuxa un pequeno adro, cuxa función era crear un espazo para facer lume e así protexerse das duras condicións do inverno da zona. Estas chozas tiñan a función de servir de refuxio aos pastores. Segundo Óscar Franco, por este lugar serpenteaba  o antigo camiño de Melón e tamén o Camiño Medieval do Ribeiro que levaba a Pontevedra.




Pois ben, esta choza semella unha anta, tanto en canto á súa estrutura arquitectónica como en canto á terra que a protexe, que recorda a masa tumular dunha mámoa.

Terán que ver estas curiosas, sinxelas e fermosas construcións coa atávica necesidade dos galegos de manter os seus costumes ao longo dos milenios, cambiando únicamente a súa función? A verdade é que os galegos somos tercos...

En fin, si non e vero espero que polo menos fose ben trovato.


Fotos e información técnica de Óscar Franco en patrimoniogalego.net