viernes, 5 de junio de 2015

ANTA-DOLMEN O FOXO DO CABRITO, Santa Mariña de Brañas. Toques

ANTA-DOLMEN O FOXO DO CABRITO. Santa Mariña de Brañas, Toques.


Cristina Vázquez e Xurxo Broz, amigos arqueólogos (do Museo Terra de Melide), coñecedores polo miudo desta sobranceira comarca galega, enviáronme, xa hai algún tempo, a fotografía e información ao redor desta anta denominada Foxo do Cabrito, situada no lugar ou aldea do mesmo nome, pertencente á parroquia de Santa Mariña de Brañas, lindeira xa co termo municipal de Palas de Rei.




Segundo antigas informacións recabadas por mín nunha desas furibundas escapadas, parece ser que neste lugar utilizaban o funil de violación dunha gran mámoa, cercana ao Foxo, como trampa para cazar os lobos: poñían no interior do funil un cabrito como cebo e esperaban emboscados a chegada do lobo. Sen embargo, segundo as actualizadas informacións de Cristina e Xurxo, parece ser que na contorna aínda permanecen os restos dun auténtico foxo para cazar os lobos: os veciños coñecen ben a súa ubicación, pero atópase invadido pola maleza, o que fai moi dificultoso o achegarse a él.



Fotografía extraída do blogue megaliticia.


Do interior deste dolmen, segundo un veciño, saía unha galiña cos seus pitos.


A anta Foxo do Cabrito conserva actualmente sete esteos visibles, pero non está a conservar a tampa. Na parte que mira ao sur-surleste ábrese un oco bastante grande entre os esteos que, probablemente, se corresponda coa entrada deste monumento megalítico.


Información e fotografía enviadas por Cristina Vázquez e Xurxo Broz.

miércoles, 22 de abril de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE MÁNTARAS, Irixoa

PEDRATIFA-MENHIR DE MÁNTARAS, Irixoa.


"Nun tan máxico como paradigmático emprazamento, dende onde se otean amplas perspectivas da ría de Betanzos, dende onde se adiviña o profundo canón do río Zarzo (deudor do río Mandeo), eríxese chantada e solitaria, como vixía perpetua, unha pedrafita granítica que desafía impertérrita o vaiven caprichoso dos tempos".

       
                       


Deste xeito comenzamos o artigo que acaba de ser publicado na revista "Fol de Veleno" editada pola SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega) titulado "A Pedrafita-menhir de San Cosme de Mántaras". O devandito artigo está firmado por Ángel G. Martínez (Papigil) e polo que suscribe.

Todo comenzou un día calquera dos meses centrais do ano 2014, cando, inopinadamente, achegouse polo Museo de Cambre o amigo Papigil que, emocionado, víñame ensinar unha fotografía dunha posible pedrafita. Cando ollei aquila primeira fotografía, e cando me informou do seu emprazamento, non me quedou a máis mínima dúbida de que estabamos diante dun precioso descubrimento, diante dunha pedrafita-menhir, elemento sobranceiro da nosa prehistoria.



Fotografía de Manuel Boga Neira.
                          
Non pretendo nesta entrada reproducir o artigo (tendes a revista á vosa disposición nas librarias) senon incorporar este emblemático novo elemento na listaxe das pedrafitas galegas, que cada vez engorda máis grazas sobre todo ás avezadas e incansables pescudas do noso grupo de whatsapp "Fuso da Moura". 

O traballo de campo, a etnografía, todo hai que dicilo, foi cousa case exclusiva de Papigil.


                           

                           


A pedrafita atópase inserida nunha ampla semi-chaira aos pés do monte de San Antón: está no medio dunha necrópole megalítica, non é un marco de termo e, como elemento testemuña do carácter profano ou prehistórico, paradóxicamente, a Ermida de San Cosme. Polo tanto, lugar de romaría, de camiños reais, corredoiras fondas, nacemento de cursos fluviais... Mámoas, castros e petróglifos rodean a contorna, como sinalando ao embigo, ao omphalos que, poderosamente erecto, sobresae inconfundible no centro case xeométrico desta pequena planicie.

Sen dúbida a ermida de San Cosme (nós mantemos que a advocación orixinal é San Antón) é un elemento cristianizador dun lugar sagrado xa desde a prehistoria. O cristianismo, como é lugar común na interpretación de moitos ritos cristianos, recolleu certas características das festas paganas e aderezounos cun novo fondo cristiano, reinterpretándoos e outorgándolles un novo significado máis axeitado á ideoloxía triunfadora.


                         


En canto á analise formal, estamos diante dun robusto esteo de granito que amosa sección rectangular coas arestas moi biseladas. Acada  unhas dimensións aproximadas de 1,42 m de altura na cara que mira ao suleste. A anchura máxima chega aos 82 cms. Todas as caras atópanse moi regularizadas, aínda que non se observa siño algún de puído, exceptuando o revaixe cóncavo da croa.

Nunha das súas caras aparecen, apenas insinuadas, dúas acanaladuras do tipo media cana: ocupan unha boa superficie, colocadas en diagonal e acadan 5 cm de ancho. A máis longa mide ao redor de 61 cms; a máis corta, uns 50 cms. Na cara do NO aparece o que semella unha cruz feita en dous trazos, pero non podemos desbotar a posibilidade de que sexa unha gravura natural.


                                         

                                          

                                          
Na parte superior, na croa, aparece un amplo rebaixe cóncavo, perfectamente puido, que se pode interpretar, despois das comprobacións efectuadas por Papigil, como  un "axexadoiro de observación astronómica". Efectivamente, a croa cóncava, a xeito de axexadoiro, permitiunos iniciar un proceso de seguimento dos solsticios e dos equinocios, coa finalidade de comprobar a posibilidade de que a ubicación e a orientación poidera dar lugar á sinalización astronómica. Foi así que Papigil comprobou o solsticio de inverno (22 de decembro de 2014) onde puido determinar como o sol situábase directamente sobre o axexadoiro, manténdose nesa liña ata a súa desaparición progresiva tras o horizonte da croa. Podemos concluir xa que logo, que estamos diante da primeira pedrafita galega ao efecto de marcaxe efectiva para o solsticio de inverno.

Consideramos, con todo, que estamos á beira dun lugar máxico, dun espazo sagrado, sendo visto como tal por múltiples xenerarcións, un centro do mundo que describe un todo ordenado, un cosmos, desde o que se solucionan todos aquiles problemas que teñen que ver coa boa marcha de calquera sociedade tradicional.


                               

Fotografías realizadas por Candela, Manuel e Moncho
                                 



IMAXE DA MARCAXE SOLSTICIAL REALIZADA POR PAPIGIL:





Unha das mámoas da necrópole de Mántaras, a poucos
metros da Pedrafita. Fotografías de Candela, Manu e
Moncho Boga.
                             

                     

martes, 24 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA, Arcediago. Santiso

PEDRAFITA-MENHIR DE A PONTE NOVA, Arcediago. Santiso

Cristina Vázquez e Xurxo Broz, incansables detectives arqueolóxicos da Terra de Medlide, seguen a enviarme interesantísimos elementos prehistóricos desa fermosa terra. 

Neste caso trátase dun chanto ou esteo atopado no lugar da Ponte Nova, parroquia de Arcediago no Concello de Santiso. Segundo estes mozos, estamos diante dun ortostato ou chanto (ben procecente dunha anta, ben unha pedrafita?) que foi realizado en gneis ocelar, amosando unha forma xeral amendoada. As caras son aplanadas, a base é redondeada e o remate apuntado. A altura acada uns dous metros e medio e mide un metro e setenta e cinco centímetros de ancho máximo.




Na superficie, como se pode albiscar na fotografía, aparecen unha serie de estrías paralelas motivadas polo seu desbastado ou labrado. Os amigos Cristina e Xurxo manteñen a hipótese que se trata dun esteo procedente dunha anta. 

Por último, dicir que foi localizado por estes arqueólogos no ano 2012.

Para saber máis: Artigo publicado no boletín nº 25 do Museo de Terra de Melide, coa autoría de Cristina Vázquez e Xurxo Broz.

miércoles, 11 de marzo de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL. Palas de Rei, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR DO HOSPITAL, Palas de Rei. Lugo

Hoxe (que xa facía tempo) teño gañas de introducir un elemento que xa tiñamos recollido pero que os arqueólogos melidenses Cristina Vázquez e Xurxo Broz tiveron a amabilidade, tanto de actualizar a información, como de enviarma. Trátase do Marco do Hospital, posible pedrafita erixida na denominada necrópole do Marco. Tamén se coñece con outros dous nomes: Marco e Marco das Cruces.




Atópase situada no Concello de Palas de Rei, lindando co Concello de Toques e emprázase enriba dunha mámoa da necrópole do Marco. Divide parroquias, concellos e as provincias de A Coruña e Lugo. Na documentación aparece xa citado na Idade Media e tamén na Idade Moderna cumplindo a función de marco. É importante subliñar que aos poucos metros discorre o Camiño Primitivo ou de Oviedo.

Estruturalmente pódese describir como un gran esteo con forma ou sección triangular moi aguda no cume. Na cara do leste debúxase unha cruz de termo e dúas mais na cara do oeste.




Segundo os nosos amigos de Melide, non se debe descartar que esteamos diante dun esteo da anta na que se asenta (no inicio do cono de violación) sendo reaproveitado como Marco de Termo na Idade Media.

No Boletín nº 19 do Museo de Terra de Melide hai publidado un artigo asinado por Xosé Manuel Rei Broz sobre esta probable pedrafita. O autor amosa dúas fotografías e os debuxos das dúas caras do Marco nas que están as cruces de termo.




Este texto baséase nas informacións escritas e amablemente proporcionadas por Cristina Vázquez e Xurxo Broz. As fotografías son tamén  súas.

miércoles, 28 de enero de 2015

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Campos, Melide

PEDRAFITA-MENHIR DO CASAL. Campos, Melide

Hai uns días puxéronse en contacto comigo, vía correo electrónico, dous activos e inquedos arqueólogos que colaboran asiduamente con Museo da Terra de Melide. Estes mozos son Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz Rodríguez. Ambos os dous enviáronme as fotografías e descrición de tres posibles pedrafitas estudadas por eles e ubicadas nos amplos horizontes de Terra de Melide e Arzúa.

Hoxe vou incorporar no blogue un destes interesantes elementos megalíticos a saber, a Pedrafita do Casal.

Seguindo a breve reseña enviada por estes dous novos amigos, a descrición formal achéganos a un gran megalito con clara forma de pedrafita, feita en gneis. Engaden que as dimensións son moi semellantes as dun ortostato dunha anta. A base, en xeral, adopta forma redondeada con extremo apuntado e a sección é en xeral ovalada. En canto ás dimensións, acada ao redor de 5 metros de altura, maila que á vista só sobresaen uns 3,30 metros. De ancho non excede dous metros.




Segundo a avezada descrición destes investigadores, semella que foi feita coidando moito o deseño, de xeito que se pode concluir a súa adscrición prehistórica. En canto á superficie, aínda que non amosa gravado algún, está moi ben regularizada. 

A xeito de concluisón, segundo Cristina e Xurxo, hai que considerar dúas hipóteses en canto á esta extraordinaria peza: ou ben estamos diante dunha auténtica pedrafita ou, pola contra, podería tratarse dun esteo dalguna cámara megalítica. Con todo, si hai que decantarse ou apostar pola súa tipoloxía, desde aquí, posiciónome claramente pola hipótese pedrafiteira. Por último, dicir que a pedrafita foi atopada no ano 2012.




No Boletín nº 25 do Museo da Terra de Melide aparece un artigo destes autores sobre a devandita pedrafita.

Aportación de fotografía e información de Cristina Vázquez Neira e Xurxo Broz rodríguez.


jueves, 15 de enero de 2015

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo. Pontevedra

Evidentemente, o elemento etnográfico que me ocupa hoxe, non é unha anta nin calquera outro elemento megalítico. Non é unha anta e, sen embargo, como se parece!

Este curioso elemento, bastante abondoso polo sur da Nosa Terra, lévame a facer unha pequena reflexión despois da  descrición formal.




A Choza en cuestión amosa planta tendente a circular construida a base de mampostería e cunha cuberta que semella unha ruda bóveda  pechada con pedra e terróns vexetais, coa segura función de conseguir un bo illamento, tanto do frío como do calor que impera polas montesías terras da Serra do Suido. No exterior, un muro tendente a circular debuxa un pequeno adro, cuxa función era crear un espazo para facer lume e así protexerse das duras condicións do inverno da zona. Estas chozas tiñan a función de servir de refuxio aos pastores. Segundo Óscar Franco, por este lugar serpenteaba  o antigo camiño de Melón e tamén o Camiño Medieval do Ribeiro que levaba a Pontevedra.




Pois ben, esta choza semella unha anta, tanto en canto á súa estrutura arquitectónica como en canto á terra que a protexe, que recorda a masa tumular dunha mámoa.

Terán que ver estas curiosas, sinxelas e fermosas construcións coa atávica necesidade dos galegos de manter os seus costumes ao longo dos milenios, cambiando únicamente a súa función? A verdade é que os galegos somos tercos...

En fin, si non e vero espero que polo menos fose ben trovato.


Fotos e información técnica de Óscar Franco en patrimoniogalego.net