jueves, 28 de agosto de 2014

SALVAXE ATENTADO CONTRA OUTRA PEDRAFITA GALEGA: O Marco das Catro Cruces

ATENTADO CONTRA A PEDRAFITA-MENHIR o Marco das Catro Cruces. Bande

Onte, 27 de agosto, chegou ao meu correo unha triste noticia, daquilas que nunca desexas recibir, a saber, a agresión (unha máis) incontrolada e salvaxe a unha pedrafita galega.

Trátase da pedrafita-menhir O Marco das Catro Cruces, publicada neste mesmo blog o 26 de xullo de 2012, baixo o título "Antas-dolmenes da Baixa Limia IV".

O correo que me chegou onte foi enviado polo amigo (incombustible defensor do noso patrimonio) Xabier Moure Salgado, e as fotografías que o acompañan foron tomadas por Pablo Corujo, mentres realizaba labores de xeolocalización de varias necrópoles megalíticas da bisbarra.

Como sabedes, a pedrafita funcionou desde tempos pretéritos como marco de termo (Calvos e Corvelle de Bande; Cexo e Banqueses de Verea) entre catro parroquias e dous concellos.

Segundo me conta Xabier, os veciños de Corvelle conmemoraban á beira da pedrafita as batidas de caza do lobo que se facían na Idade Media: pedíanlle proteción contra os riesgos que entrañaba tan peligrosa actividade cinexética. Moi cerca aínda se están a conservar dous foxos antigamente destinados a isa actividade.

Parece claro que se trata dunha pedrafita que logo foi reutilizada como marco de termo: atópase no contexto de necrópoles megalíticas e, ademais, a súa forma pode levarnos a considerala dentro da tipoloxía de tipo fálico.

Pois ben, esta extraordinaria pedrafita foi esnaquizada por unha máquina escavadora, ficando medio soterrada. Pablo Corujo localizou entre a desfeita unha pedras de boa factura que parece que non son de colocación moderna.

En definitiva, e por si serve de algo, este feito foi xa denunciado ao Servizo de Patrimonio de Ourense e tamén no Concello de Bande.

Con todo, debemos subliñar e salientar, como me acaba de comunicar Xabier Moure, a boa disposición e dilixencia do Concello de Bande, posto que aos poucos de saber da desfeita, inmediatamente levantaron un informe para poñelo en rápido coñecemento da administración competente.

Estado en que quedou a pedrafita despois do arrase da máquina paleadora:




Información procedente de Xabier Moure Salgado e fotografías de Pablo Corujo.




Estado anterior á desfeita.

jueves, 14 de agosto de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA CARTELIDA. Vilachá, Monfero

EDRAFITA-MENHIR O MARCO DA CARTELIDA. Vilachá, Monfero.

Este pequeno marco de termo, marca a liña divisoria entre os concellos de Monfero e Vilarmaior, e tamén divide tres parroquias, dúas pertencentes a Monfero e unha a Vilarmaior.

A pedrafita Marco da Cartelida ubícase nunha pequena bagoada (depresión en pendente que percorre de SO a SL o Monte da Cartelida), nunha área adicada preferentemente a explotación forestal (eucaliptos) e, en menor medida, á agricultura (millo). A carón da pedrafita-marco discorre, así mesmo, o antigo Camiño Real que, desde Pontedeume, levaba a Monfero e a As Pontes. Os veciños denominábano como "Camiño dos Franceses". 




En canto ao contexto megalítico, no Monte da Cartelida ubícase unha necrópole da que descoñecemeos o número de mámoas. Atópase a uns trescentos metros. Incluso na zona consérvase o topónimo "Antas".

Formalmente, o Marco ou Pedrafita da Cartelida adopta forma xeral cilíndrica, diminuindo a medida que vai ascendendo á croa. En canto á altura, son sobresae máis de oitenta e tres centímetros e medio. A feitura e moi tosca, sen ningún tipo de puído; a parte superior e máis redondeada e, cerca da croa, debúxanse dúas posibles cazoliñas que non acadan de diámetro máis de tres centímetros.




Aínda que se trata dunha pedrafita de pequenas dimensións, talvez o máis interesante refírese á súa potencia etnográfica, como acontece, curiosamente, coa maioría dos marcos que nos últimos anos fóronse dando a coñecer por esta parte septentrional do Golfo Ártabro. Efectivamente, segundo as novas recollidas por Ángel Gilberto Martínez (Papigil), logo das súas pertinaces pescudas, a tradición oral relata que o Marco ofrece solucións sanatorias para diversas enfermidades tradicionais como o mal de ollo e o meigallo. Así, pódese destacar a súa virtude para solucionar os inconvintes que producen estas enfermidades. Actualmente, seguindo a información recollida por Ángel, non hai noticias de que isas prácticas rituais-sanatorias se sigan practicando.




Segundo a fecunda información recollida e proporcionada a Ángel por Rafael Doval Vázquez (veciño da zona) o ritual máxico-simbólico, que se realiza na pedrafita consiste no seguinte: o veciño que padeza o mal de ollo ou o meigallo, debe achegarse á pedrafita na medianoite e dar sete voltas ao seu redor. A continuación, en ofrecemento ou pago, debe enterrar unha moeda no chan e, por último, abandonar o lugar de costas á pedrafita (sen mirar nunca cara a ela) e alonxándose  seguindo unha ruta diferente á da ida. Para que o cerimonial dé o resultado apetecido, no traxecto de volta non se pode falar con ninguén.










Fotografías e información xeral proporcionadas por Ángel Gilberto Martínez ("Papigil") en espera da publicación do seu espléndido artigo titulado:  "Marco da Cartelida. Contextualización dun Marco de Termo contra o Meigallo e o Mal de Ollo".


Para rematar con este pequeno apuntamento sobre a pedrafita da Cartelida, hai que dicir que, á parte da memoria que aínda se conserva sobre este ritual vencellado indisolublemente á pedrafita, o mesmo atópase recollido polo ilustre antropólogo aragonés Carmelo Lisón Tolosana no seu libro "Antropología Cultural de Calicia", Cap. III, páx.. 123 a 124. Ed. Akal. Recollemos aquí o párrafo proporcionado por Papigil:

"(...) ´Aquí (Portocobo, Monfero), a 50 metros de esta casa hay un marco que es el que divide las parroquias estas toda`. Se trata de un punto en que según los informantes limitan las parroquias de Vilachá, Taboada y Grandal y que está realzado por una piedra clavada en el suelo. A él van a medianoche tres personas, dos acompañando a la enferma, cuya dolencia procede de la envidia de otra persona, está enmeigada. Cumplido el ceremonial, la envidia queda vencida y desaparece el malestar. La envidia mutua de los vecinos, sus disensiones internas, quedan destruidas y trascendidas en el punto de unión de tres parroquias".


Información e fotografía aportadas por Xabier Moure Salgado:




Uns días despois de publicar esta entrada, o amigo Xabier Moure (onosopatrimonio) envioume, curiosa e casualmente, nova información sobre este marco do que ata estes momentos pouco se sabía. É así que esta última información ven a complementar e a completar a información xa procesada. En poucas palabras, as novas de Xabier Moure pódense resumir do segunte xeito: en primeiro lugar, a pedrafita atópase no camiño que vai á Casa da Cartelida, actualmente en ruínas. Segundo as informacións recollidas por Moure, a pedrafita ten propiedades curativas que abarcan desde o meigallo ata todos os problemas de saúde que provoca o mal de ollo.

Parece ser que o marco foi derrubado hai algún tempo por unha máquina que preparaba o terreo para unha plantación de eucaliptos, pero que pouco logo foi rechantado no mismo lugar polo señor Manuel, descendente dos moradores da abandoada Casa da Cartelida. Como informante, o señor Manuel contoulle a Moure que cando era un neno moi pequeno, ao non parar de chorar, a súa avoa colleuno e levouno ata o marco: despois de dar unhas cantas voltas ao redor del, tranquilizouse e parou de chorar. Na zona, segundo outra noticia do señor Manuel, vivía unha muller moi pobre de xeito que, cando ninguén a vía, achegábase ao marco e "recollía" os patacóns que a xente deixaba xunto o marco e, para que non lle acontecera desgraza algunha por roubar os cartos, mercaba mixtos e prendíalles lume para que o mal que facía ardera. Un informante de Gulpilleira relatoulle que cando calquera persoa estaba de mal humor, adoitábanlle dicir: "Vaite dar unha volta arredor do Marco da Cartelida para ver si acougas".