miércoles, 19 de marzo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO VENTO. Monte do Seixo, Cerdedo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO VENTO. Monte do Seixo, Cerdedo.

Á parte da suxerente posibilidade plantexada por Rafa Quintía de que esta pedrafita sexa un marco de termo delimitador dos conventos lucese e bracarense en época romana, o que nos interesa neste blogue é a súa primitiva funcionalidade como pedrafita, como monumento megalítico sacralizador dun espazo mítico.

Segundo a hipótese de Quintía, o Monte do Seixo constituiría a fronteira natural entre os devanditos conventos, manténdose o  valor simbólico da montaña máxica con este novo uso, como terra de ninguén e de todos. O Marco do Vento sería así a reutilización como marco de termo dunha pedrafita megalítica, como acontece con ducias de pedrafitas  ao longo da nosa xeografía, e que os romanos tiñan a ben facer respectando tanto a organización social como a territorial anterior á conquista.

En época moderna o Marco do Vento foi empregado como marco demarcatorio  dos concellos que comparten a montaña (A Lama, Forcarei, Cerdedo, Cotobade). Posiblemente, a xuizo de Quintía, esta pedrafita puido ser unha pedrafita vencellada a diversos ritos máxico-relixiosos que aínda hoxe se manteñen como petrificados na memoria dos veciños das parroquias da contorna.

A preeminencia na paisaxe e o seu valor monumental, a situación de fronteira, de marco de termo así como o seu valor simbólico, permiten contexturalizar esta enorme pedrafita como un dos elementos singulares do universo pedrafiteiro de Galicia.

A pedrafita O Marco do Vento mide ao redor de seis metros de alto e uns doce metros de perímetro e, como xa vimos máis arriba, facía de marco divisoiro entre catro concellos. Contan os máis vellos do lugar que o emprazamento da pedrafita é o lugar onte o dá a volta o vento. 



Esta colosal pedrafita non forma parte do penedo sobre o que se asenta, senón que se trata dunha peza monolítica independente: simplemente está asentada sobre o sustrato rochoso plano. Tamén se pode comprobar que o marco se atopa apuntalado por pequenos anacos de rocha e pedra que o están a soster e axudan á súa verticalidade. Nas caras sur e leste do Marco aparecen dúas grandes cruces potenzadas gravadas a xeito de rego. As cruces adoitan gravarse nestes monumentos aludindo ao seu carácter de marco divisorio, pero tamén poden deberse á sacralización cristiana do lugar.

Para a súa inserción nun posible catálogo de pedrafitas galegas tivemos en conta sobre todo o contexto. En efecto, a súa ubicación no Monte do Seixo é un dos criterios para esta consideración do Marco como pedrafita. Este paradigmático monte constitúe unha área de extraordinadrio valor máxico-relixioso, etnográfico, arqueolóxico, histórico... Lugares de culto, penas sagradas, vestixios megalíticos, lendas de seres mítico-máxicos... Segundo Quintía, "unha especie de parque temático do paganismo galaico..." Outra das máis atractivas hipóteses de Quintía é a posible conexión de todos os lugares e lendas do Monte do Seixo coa mítica Deusa-Nai.

No espazo bastante reducido que ocupa o Monte do Seixo, compéndianse unha boa parte das lendas que conforman o imaxinario popular galego. En primeiro lugar (seguindo sempre as investigacións de Quintía) destaca a presenza dunha necrópole megalítica coñecida co nome de Chan de Mamas: cóntase que aquí foi enterrado o tecelán de Carballás, sabio e visionario persoeiro da bisbarra que profetizara o fin do mundo. A Almandraque da Pirocha (almofada da Pirocha) fai alusión a unha fermosa moura que devoraba aos incautos que xacían con ela atraidos pola súa beleza. Ao final encarceraba as almas deses homes na pedra que ben sendo a almofada. A Laxe da Marisqueira e unha pedra que, entre outras propiedades, ten unha extraordinaria potencia fertilizadora: as mulleres conseguían quedar preñadas ao respirar o aire do mar que chega ata aí, sen ningunha necesidade da intervención masculina. A gran rocha coroada por unha cruz, chamada Cruz do Seixo, é especialista en curar diversas doenzas a través da auga do ceo que se acumula nas dúas pías que hai na cara superior. Cada 24 de xullo suben os veciños co Santo Antón e o párroco bendice as terras solicitando a intervención divina para que haia boas colleitas. En suma, no cume do Coto dos Chirimelos atópase a Porta do Alén, gran formación rochosa que se divide en tres partes e, entre elas, aparece o que semella a porta que permite o paso ao outro mundo: débese entrar de leste a oeste e voltar polo mesmo sitio posto que si non se fai así, quedaríamos atrapados no máis aló, no alén.


PARA SABER MAIS

Blogue, asombradebouzapanda de Rafa Quintía. "O Marco do Vento", 7 de agosto de 2009.

Rafa Quintía: "Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo".

Carlos Solla Varela. "Monte do Seixo: reivindicación da montaña mágica".

No hay comentarios:

Publicar un comentario