miércoles, 19 de marzo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO VENTO. Monte do Seixo, Cerdedo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DO VENTO. Monte do Seixo, Cerdedo.

Á parte da suxerente posibilidade plantexada por Rafa Quintía de que esta pedrafita sexa un marco de termo delimitador dos conventos lucese e bracarense en época romana, o que nos interesa neste blogue é a súa primitiva funcionalidade como pedrafita, como monumento megalítico sacralizador dun espazo mítico.

Segundo a hipótese de Quintía, o Monte do Seixo constituiría a fronteira natural entre os devanditos conventos, manténdose o  valor simbólico da montaña máxica con este novo uso, como terra de ninguén e de todos. O Marco do Vento sería así a reutilización como marco de termo dunha pedrafita megalítica, como acontece con ducias de pedrafitas  ao longo da nosa xeografía, e que os romanos tiñan a ben facer respectando tanto a organización social como a territorial anterior á conquista.

En época moderna o Marco do Vento foi empregado como marco demarcatorio  dos concellos que comparten a montaña (A Lama, Forcarei, Cerdedo, Cotobade). Posiblemente, a xuizo de Quintía, esta pedrafita puido ser unha pedrafita vencellada a diversos ritos máxico-relixiosos que aínda hoxe se manteñen como petrificados na memoria dos veciños das parroquias da contorna.

A preeminencia na paisaxe e o seu valor monumental, a situación de fronteira, de marco de termo así como o seu valor simbólico, permiten contexturalizar esta enorme pedrafita como un dos elementos singulares do universo pedrafiteiro de Galicia.

A pedrafita O Marco do Vento mide ao redor de seis metros de alto e uns doce metros de perímetro e, como xa vimos máis arriba, facía de marco divisoiro entre catro concellos. Contan os máis vellos do lugar que o emprazamento da pedrafita é o lugar onte o dá a volta o vento. 



Esta colosal pedrafita non forma parte do penedo sobre o que se asenta, senón que se trata dunha peza monolítica independente: simplemente está asentada sobre o sustrato rochoso plano. Tamén se pode comprobar que o marco se atopa apuntalado por pequenos anacos de rocha e pedra que o están a soster e axudan á súa verticalidade. Nas caras sur e leste do Marco aparecen dúas grandes cruces potenzadas gravadas a xeito de rego. As cruces adoitan gravarse nestes monumentos aludindo ao seu carácter de marco divisorio, pero tamén poden deberse á sacralización cristiana do lugar.

Para a súa inserción nun posible catálogo de pedrafitas galegas tivemos en conta sobre todo o contexto. En efecto, a súa ubicación no Monte do Seixo é un dos criterios para esta consideración do Marco como pedrafita. Este paradigmático monte constitúe unha área de extraordinadrio valor máxico-relixioso, etnográfico, arqueolóxico, histórico... Lugares de culto, penas sagradas, vestixios megalíticos, lendas de seres mítico-máxicos... Segundo Quintía, "unha especie de parque temático do paganismo galaico..." Outra das máis atractivas hipóteses de Quintía é a posible conexión de todos os lugares e lendas do Monte do Seixo coa mítica Deusa-Nai.

No espazo bastante reducido que ocupa o Monte do Seixo, compéndianse unha boa parte das lendas que conforman o imaxinario popular galego. En primeiro lugar (seguindo sempre as investigacións de Quintía) destaca a presenza dunha necrópole megalítica coñecida co nome de Chan de Mamas: cóntase que aquí foi enterrado o tecelán de Carballás, sabio e visionario persoeiro da bisbarra que profetizara o fin do mundo. A Almandraque da Pirocha (almofada da Pirocha) fai alusión a unha fermosa moura que devoraba aos incautos que xacían con ela atraidos pola súa beleza. Ao final encarceraba as almas deses homes na pedra que ben sendo a almofada. A Laxe da Marisqueira e unha pedra que, entre outras propiedades, ten unha extraordinaria potencia fertilizadora: as mulleres conseguían quedar preñadas ao respirar o aire do mar que chega ata aí, sen ningunha necesidade da intervención masculina. A gran rocha coroada por unha cruz, chamada Cruz do Seixo, é especialista en curar diversas doenzas a través da auga do ceo que se acumula nas dúas pías que hai na cara superior. Cada 24 de xullo suben os veciños co Santo Antón e o párroco bendice as terras solicitando a intervención divina para que haia boas colleitas. En suma, no cume do Coto dos Chirimelos atópase a Porta do Alén, gran formación rochosa que se divide en tres partes e, entre elas, aparece o que semella a porta que permite o paso ao outro mundo: débese entrar de leste a oeste e voltar polo mesmo sitio posto que si non se fai así, quedaríamos atrapados no máis aló, no alén.


PARA SABER MAIS

Blogue, asombradebouzapanda de Rafa Quintía. "O Marco do Vento", 7 de agosto de 2009.

Rafa Quintía: "Deuses, mitos e ritos do Monte do Seixo".

Carlos Solla Varela. "Monte do Seixo: reivindicación da montaña mágica".

miércoles, 12 de marzo de 2014

Alberte Alonso publica "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego"

"O USO DAS PEDRAFITAS NO NEOLÍTICO GALEGO" por Alberte Alonso.

Os megaliteiros en xeral e os pedrafiteiros en particular estamos de noraboa. Este venres presentarase na Galería de Sargadelos de Pontevedra o libro de Alberte Alonso "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego".

Non teño o pracer de coñecer presoalmente a Alonso: non obstante coñezo a súa voz posto que estamos en permanente contacto intelectual desde hai xa unha morea de anos. Boa parte das pedrafitas que amoso no meu blogue fóronme descubertas por Alberte que tamén me enviou as fotografías correspondentes así como unha que outra descrición xeral das pedrafitas.




Aínda non teño o pracer de coñecer este novo traballo de Alberte, pero estou absolutamente seguro de que aportará sustanciais coñecemntos e abrirá novas prespectivas sobre ese descoñecido mundo das pedrafitas galegas.

O misterio da presenza das pedrafitas en Galicia garda moitas sorpresas e ofrecerá, por medio do meticuloso traballo de Alberte, coñecemento, un coñecemento sempre fecundo.

En suma, os megaliteiros galegos estamos de noraboa. 




Nota: o libro está editado por SAGA, Sociedade Antropolóxica Galega.

miércoles, 5 de marzo de 2014

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA. San Martiño de Carantoña, Vimianzo

ANTA-DOLMEN DA MINA DAQUELA BANDA. San Martiño de Carantoña, Vimianzo

Esta gran anta (tipo cista) publicada na páxina patrimoniogalego.net por Manuel Rial, atópase na parroquia soneirense de Carantoña.




Está inserida nun pinar e os tres esteos que compoñen a súa estrutura arquitectónica semellan posuir unhas boas dimensións. Precisamente as tres pedras que parecen conservarse forman unha planta rectangular, o que permite deducir que a anta pode adscribirse crono-culturalmente aos monumento tipo cista da Idade do Bronce. En Galicia hai varios exemplos deste tipo de enterramentos pero ningún deles foi obxecto de intervención arqueolóxica algunha que permita demostrar estas aseveracións que xa son un clásico nas conclusións da arqueoloxía galega.

Segundo Manuel Rial, a pedra cobertora atópase nos arredores da cista e a estrutura tumular na que se insire a cista atópase en bastante bo estado.



Fotografías e información de Manuel Rial