martes, 1 de octubre de 2013

PEDRAFITA-MENHIR EN MOURA. Cabanas, Nogueira de Ramuín. Ourense.

PEDRAFITA-MENHIR EN MOURA. Cabanas, Nogueira de Ramuín. Ourense.

Con motivo da publicación da última entrada (Pedra Longa) o amigo Xabier Moure recolleu o testemuño da miña petición e achegouse á necrópole de Moura na busca desa probable pedrafita.


                                       


Xabier buscou polo miúdo e finalmente atopou outra tamén posible pedrafita nos aledaños da necrópole de Moura. Efectivamente, esta posible pedrafita, unha "rara avis" dentro do horizonte megalítico, atópase moi preto da necrópole de Moura. Segundo Xabier, a pedrafita está inclinada ao redor de 60º e mide máis de tres metros de altura. Na parte baixa acada un metro de diámetro e uns cincuenta centímetros na parte superior. Entre ambas as dúas partes a pedrafita diminúe drásticamente, conferíndolle a forma dun "peón de xadrez". A xuizo de Xabier, aínda que esa forma podería ser froito da erosión, presenta, sen embargo, nunha das caras unha gran cazoliña circular de feitura artificial, así como outras varias que se poden apreciar na parte inferior.


                          


En definitiva, a fermosa necrópole de Moura non deixa de arroxar sorpresas, ofrecéndonos unha imaxe única de singularidade, o que nos leva a manifestar que estamos sen ningunha dúbida diante dunha das paraxes megalíticas máis impresionantes do País Galego.




Información e fotografía proporcionadas por Xabier Moure Salgado