viernes, 23 de agosto de 2013

Pedrafita-menhir Pedra de San Lourenzo. San Lourenzo de Nogueira, Meis.

Pedrafita-Menhir Pedra de San Lourenzo. San Lourenzo de Nogueira, Meis.


Atópase ubicada a un lado do camiño de terra que leva a unhas veigas, a uns cen metros do cemiterio, lindando coa igrexa.

Trátase dunha curiosa e chamativa pedra que, como case todos os elementos semellantes da nosa terra, amosa "carnet de indentidade" propio: bautizada polos nosos devanceiros como Pedra de San Lourenzo, esta é unha razón de suficiente enxundia como para engadila á nosa xa longa lista de elementos megalíticos.

Tanto a fotografía coma o texto envioumos, -como non- o entrañable compañeiro de preocupacións megaliteiras Xabier Moure, que os recolleu da páxina de Reigosa Galicia Encantada, fermosa publicación que recomendo encarecidamente.

Segundo contan os verdadeiros relatos lexendarios, parece ser que noutrora o mar oceano chegaba ata este lugar e foi precisamente neste emprazamento onde San Lourenzo (o santo que morreu asado na parrilla) arribou na súa embarcación e amarrouna na Pedra. Foi así que, segundo o devandito relato, o día de San Lourenzo, que ven cadrando o dez de agosto, antes de sair o sol aparecen as brasas ou rescoldos ao redor da Pedra, restos sen dúbida (e esto é un engadido meu) dos carbóns con que foi martirizado o Santo na parrilla.




Dise tamén que cando uns veciños quixeron mover a Pedra do seu lugar orixinal, posto que estorbaba na realización das labouras agrícolas, todos os que o intentaron enfermaron misteriosamente.

Segundo Moure, esta rara e inclasificable pedrafita, amosa na parte superior nove cazoliñas. Engade, ademais, que pode ser estudada e definida como un idoliforme (antropomorfo?) posto que pola metade amosa unha fendedura ou escotadura que percorre todo o permímetro, como se pode apreciar na fotografía.

Por último, débese resaltar que no estudo do Impacto Arqueolóxico realizado antes da construción da autoestrada entre Curro e Vilagarcía, elaborado no ano 2008, recollíase a corrección do devandito impacto para salvar a Pedra de San Lourenzo. 


Fotografía e texto enviado por Xabier Moure e recollido da páxina Galicia Encantada de Antonio Reigosa.

jueves, 22 de agosto de 2013

Pedrafita-menhir O Marco Vello: arranxo dun desaguisado evitable

Pedrafita-menhir O Marco Vello: arranxo dun desaguisado evitable.


En maio deste ano publiquei unha entrada da pedrafita "O Marco Vello" na que denunciaba o "salvaxe atentado" que estivo a sufrir este fermoso testemuño do noso pasado megalítico. As fotografías fóranme enviadas por José Antonio Gavilanes. Días despois o amigo Xabier Moure (o 27 de maio) presentou unha denuncia diante do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia. Este feito xenerou un amplo eco nos medios de comunicación locais e tamén dixitais. Algúns meses despois o cartel do TECOR foi retirado aínda que segundo me conta Moure (súa é a actual fotografía) os parafusos deixaron uns buratos no lugar onde se debuxa un N invertido gravado nun rebaixe da pedra. 

A pesar deses desperfectos parece que por unha vez as denuncias dan algún resultado. Parabéns, compañeiros.


                                      


               
                                      


Arriba: fotografía con cartel do TECOR.
Abaixo: fotografía despois de retirar o devandito cartel.

martes, 6 de agosto de 2013

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DE VILOUTA. Becerreá, Lugo


Na fermosa estrada Becerreá-Sarria, na parroquia de Vilouta, a uns cinco quilómetros de Becerreá, atópase a Anta Pedra Cobertoira, da que xa falei aquí a través dunha entrada de maio de 2012. De feito, foi a primeira anta que describín neste blogue. Hoxe, ano e pico despois, recibín un e-mail de Xabier Moure que me alegrou un día gris. O correo comenza así: "Boa noite, Moncho: Achégoche información sobre o Marco de Vilouta, en Becerreá do que me falaran hai algún tempo e que hoxe visitei".

A continuación describe a situación da pedrafita e unha información "preciosa" sobre os distintos elementos que definen esta pedrafita como un exemplar singular.

A pedrafita de Vilouta atópase inscrustada entre os castros de Vilouta de Abaixo e de Arriba e -feito de extraordinaria importancia- moi preto da anta Pedra Cobertoria. Probablemente, como ben subraia Moure, conservouse grazas a que foi reaprobeitado como marco de termo, separador territorial das dúas aldeas mencionadas, pertencentes na Idade Media ao Mosteiro de Penamaior.





A Pedrafita está feita ou composta de xisto e cuarzo, amosa sección cadrada moi regular coas caras moi bastas, sen labrar. As medidas no ancho das caras acadan os vintecinto centímetros en cadansúa; a altura non vai máis aló dun metro. Segundo os informantes de Moure, a pedrafita foi derrubada e mutilada de xeito que, antes desa profanación, sobresaía máis dun metro e medio.

O traballo de Moure (gran coñecedor e divulgador da Comarca dos Ancares) complétase cunha valiosa laboura etnográfica, recollendo as lendas que adxetivan estes senlleiros elementos da nosa xeografía física e sentimental. Efectivamente, cóntase na bisbarra que a pedrafita de Vilouta foi erixida por unha moura; ademais, os mouros que viven no túnel que comunica os castros de Vilouta amarraban as súas cabalgaduras na nosa Pedrafita.



Tamén, para concluir, a responsable da finalización ou remate da veciña Anta de Pedra Cobertoira foi unha Moura que deixou caer a enorme tampa ou pedra cobertora sobre os tres poderosos esteos que aínda hoxe conserva a anta. A Moura troixo a pedra desde un monte situado a dous quilómetros en liña recta que curiosamente se denomina A Moura.

Para máis información o blogue de Xabier Moure Salgado onosopatrimonio.

viernes, 2 de agosto de 2013

Alineamento Megalítico na Serra da Faladoira?

Alineamento megalítico na Serra da Faladoira?


Moi preto do posible menhir da Faladoira aparece un probable Marco de Termo (o lugar coincide cun límite parroquial) cativo, vetusto e achaparrado, pero recio e ben chantado, que moi ben poidera ser outra pedrafita alineada coa gran pedrafita da Faladora, da que xa falei en entrada de xuño de 2012. Tendo en conta  a gran necrópole na que se asentan é moi grande a tentación de consideralas como un aliñamento megalítico. 



S
exa como sexa aí quedan estas imaxes que nos axudan a recrear mundo que xa non é e xentes que xa non están.

Fotografía extraida de: http://www.celtiberia.net