miércoles, 5 de junio de 2013

Pedrafitas-menhires do Monte San Cibrao. Pardavedra, A Bola

PEDRAFITAS-MENHIRES DO MONTE SAN CIBRAO. Pardavedra, A Bola

Non podo sustraerme á tentación de voltar ao Monte de San Cibrao en Ourense, aínda que aquí xa publiquei unha entrada adicada ás antas deste fermoso e máxico monte. Efectivamente, non me podo sustraer a isa enorme tentación logo de ler a entrada do blogue de Rafa Quintiá asombradebouzapanda.

Considero que os elementos etnográficos, son e constitúen unha ferramenta de indudable e inextimable valor á hora de estudar e interpretar os elementos arqueolóxicos e xeral e os megalíticos e particular: aportan datos interpretativos que non pode dar ningunha outra cencia. As lendas, os contos, os costumes, os rituais cristiás..., contribuiron de maneira decisiva a fixar  unha serie de elementos que axudan nese eido. Por exemplo, o que a igrexa quixo eliminar ficou como unha pegada petrificada baixo o sustrato da relixión triunfadora. As antigas crenzas, sen embargo, non desapareceron, seno que quedaron, como dicía, petrificadas baixo o manto "salvífico" do cristianismo.

O Monte de San Cibrao constitúe -e reflexa coma ningún outro sitio-, unha auténtica atalaia desde onde se contemplan os amplios horizontes da Limia. Ademais conforma unha colosal divisoria entre as cuncas dos ríos Limia e Miño. É tamén, e talvez esto é o importante, lugar demarcatorio, lugar de límite, de fronteira. Actualmente divide ou separa aos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e A Merca. Precisamente de límites vai esta reflexión: aínda se poden contemplar dous marcos, coas súas consabidas cruces de termo marcadas nas súas caras, na extensa chaira megalítica que constitúe a cume. 




Como ben mantén Rafa Quintiá, sabemos xa desde hai tempo que en Galicia os espazos sagrados mantivéronse ata hoxe: cambia a relixión pero non o ámbito da sacralidade. Para Quintiá este é un dos lugares onde se pode contemplar mais claramente esa continuidade de lugar sacro.

Nisa extensa chaira de San Cibrao pódese ver hoxe unha necrópole megalítica, un cemiterio cristiano, varias pedrafitas e unha ermida adicada á honra de San Cibrao, o dos conxuros. Por todo isto (e polos ritos que se acostumaban a celebrar na romaría adicada ao santo) non cabe dúbida do carácter hierofánico do monte desde polo menos o neolítico ata hoxe en día. 




As pedrafitas que aquí se amosan son de pequeno tamaño, con planta cadrangular moi redondeada e un deles cunha fenda como as que amosan moitas outras pedrafitas e que Alberte Alonso considera  unha pegada ou unha proba do seu carácter astronómico.

Información básica extraida do blogue asaombradebouzapanza de Rafa Quintiá.
Fotografías do mesmo e de Francisco Sutil e Antonio Vázquez.

No hay comentarios:

Publicar un comentario