sábado, 15 de diciembre de 2012

Necrópole megalítica de Fonte Tourón. Lalín

Esteos da mámoa de Fonte Tourón. Lalín

Trátase duns interesantes esteos descubertos con motivo da execución dunha liña de Media Tensión no ano 2005 por Elena Cabrejas Domínguez, Alberto Rodríguez Costas e Marta Tabarés Domínguez, do Laboratorio de Patrimonio, Paleoambiente e Paisaxe da USC. 

A área na que foron descubertos é unha zona de alta densidade megalitica e tanto o chamadao marco-lousa como os outros dous esteos aparecidos seguramente proceden da cámara megalítica da mámoa de Fonte Tourón.  Outras dúas mámoas eríxense nas proximidades. 

Son esteos con gravados megalíticos que se atopan non lindeiros das leiras nas que foron atopados. Probablemente, segundo os seus descubridores, formaron parte da estrutura megalítica da mámoa devandita.

Destaca o que chamaron Marco-lousa de Fonte Tourón, que foi reutilizado como marco das leiras: amosa unha boa feitura e ten debuxadaos diversos gravados singulares.


-Marco-Lousa de Fonte Tourón

Consiste nunha gran laxe de grantio que está chantada facendo de marco divisorio: sobresae un metro e catorce centímetros cun ancho que vai de entre os cincuenta e catro centímetros e os oitenta, así como un grosor medio de trinta centímetros. Amosa forma de bloque rectangular con varios gravados na sú superficie: motivos xeométricos en forma de liñas en "V" paralelas na parte superior, así como un serpentiforme máis abaixo.










-Esteo de granito

Estamos diante dun esteo de granito que mide dous metros e medio de lonxitude, cun ancho de entre setenta e oito e cuarenta e cinco centímetros. O grosor oscila entre os trinta e os corenta centímetros. A parte visible, pois está tirado no chan, amosa varios gravados entre os que destacan os ondulados ou serpentiformes: dous deles superan os trinta centímetros e os outros tres miden ao redor de cuarenta.









-Esteo chantado

Outro esteo, máis cercano ao Marco-lousa, facendo tamén de marco,  amosa así mesmo gravados e seguramente procede tamén da mámoa de Fonte Tourón.






En definitiva, nestes esteos aparecen os motivos máis característicos da arte megalítica galega, moi presente en numerosos elementos megalíticos e especialmente densa na comarca do Deza.

Segundo os seus descubridores, a organización decorativa é semellante á dos "ídolos" con forma antropomorfa atopados en varias antas galegas nos que as escotaduras superiores definen os ombreiros de figuras humanas. Este esquema tamén se repite no sul da Península Ibérica. Nas antas dos Campiños, Marco Pedroso ou na Estela de Poio..., repítense estes esquemas figurativos en esteos que forman parte da cámara megalítica.

Precisamente os esteos con decoración antropomorfa poden ter un uso igual ao dun menhir ou ao dunha estatua-menhir.


Conclusións, croquis e fotografías extraídas do artigo:

CABREJAS DOMÍNGUEZ, ELENA; MAÑANA-BORRAZÁS, PATRICIA; SEOANE VEIGA, YOLANDA: "Achado dunhas lousas con arte megalítico en Fonte Tourón" (Lalín, Pontevedra) Cuaderno de Estudios Gallegos, LV. Nº 122 enero-diciembre (2009), pp.: 9-31

No hay comentarios:

Publicar un comentario