miércoles, 29 de agosto de 2012

Pedrafita-menhir do Agro de Naia. Santa María de Cruces, Padrón

Pedrafita-menir do Agro de Naia. Santa María de Cruces, Padrón.



Fotografía de Guitián Rivera.
Ver bibliografía abaixo. 2001
.


O artigo publicado na revista Brigantium nº 24 do ano 2001 titulado "Un acoutamento medieval na comarca compostelá" firmado por J. Guitián Castromil e X. Guitián Rivera, así como as indicacións de Alberte Alonso, puxéronme na pista desta tan ilustre e interesante como descoñecida pedrafita, testemuño de diversas épocas e costumes, testemuño do paso do tempo cambiante e caprichoso. Diversos avatares e tamén diversas casualidades permitiron que chegase ata hoxe: a actividade dunha canteira en todo o seu perímetro e incluso o roubo. Un bo día a pedrafita desapareceu e despois de diversas denuncias voltou ao seu lugar orixinal pero lamentablemente non sabemos si a súa situación é a primitiva...



Ademais do seu valor prehistórico, para min fundamental, a pedrafita funcionou na Idade Media como marco de termo: trátase dun dos tres fitos que aínda perviven dun acoutamento medieval. O máis interesante, ademais da epigrafía medieval, é que tamén se está a conservar a documentación referida ao acoutamento no Arquivo da Catedral de Santiago. Esta documentación permitirame afondar no carácter prehistórico do referido marco.


Para chegar. Partindo da estrada N-550 e pasando o Santuario de Escravitude cara a Padrón, a poucos metros hai un desvío á esquerda que leva a Pedroso. Despois da próxima aldea de Queiruga, pásase por debaixo da autoestrada A-9 e, a uns 300 ms á esquerda, no medio dunha gran canteira abandonada, eríxese a pedrafita desafiando a gravidade, como unha orgullosa illa no medio da nada.




Descrición formal. A pedrafita acada unha altura aproximada de 2,10 ms, sin contar a parte que está enterrada. A anchura das catro caras varía entre os 40 e os 50 centímetros.

A cara que mira ao sul non amosa gravuras, aínda que na parte inferior sobresaen varias cazoliñas que seguramente son artificiais. Na cara do oeste, na parte superior, hai gravada unha cruz latina con tres brazos rematados en "T". O trazo vertical está cortado por un arco e cruzado por un trazo horizontal. A cruz mide ao redor de 38 por 24 centímetros. Nos espazos delimitados polos brazos hai catro cazoliñas moi pequenas e na cara norte aparece unha típica inscrición medieval en latín: está organizada en cinco rexistros horizontais.


O estado de conservación da pedrafita é lamentable e, á parte dunha fendedura que vemos na foto superior que amenaza con romper, a súa situación no curuto dun outeiro que quedou da canteira fai que o monumento corra un serio risco de desaparición.



Fotografías realizadas por
 Ramón Boga Moscoso en agosto de 2012

Outras consideracións. Na Idade Media, para facer os acoutamentos dos Cotos Xurisdicionais, en xeral aproveitábanse os elementos xa preexistentes que moitas veces tamén marcaban o territorio con outros fins. Así, para os novos acoutamentos aproveitábanse as mámoas e as pedrafitas: cando unha demarcación era nova, colocábanse pedras novas, marcos novos; pero cando era antiga, como é o caso ("...seus termos antigos", "...terminos antiquos", etc) aproveitábanse os marcos-pedrafitas que perviviron ao longo dos tempos e das horas: facían unha cruz, marcaban e elaboraban o texto que permanece petrificado ata hoxe.
Así a partir da documentación medieval e da análise morfolóxica, pódese demostrar a antigüidade da pedrafita.


Afondando nestas consideracións acerca da adscrición prehistórica, e sabendo que posiblemente a pedrafita non estea no seu emprazamento orixinal, non hai que esquecer a hipótese de Alberte Alonso ao manter que foi  observatorio astronómico: a fendedeura ou escotadura da croa parece ser unha boa razón para a verificación desa consideración máis que plausible.
Por iso este pode ser un digno exemplo da pervivencia dos lindeiros territoriais desde tempos prehistóricos, precisamente isa utilización permitiu a súa conservación. É iste outro valor engadido a este precioso e grandioso monumento: como observatorio astronómico e como marco de termo desde a prehistoria. O que permite un mellor coñecemento da evolución do lindeiros territoriais no país galego.


 Fotografías: Ramón Boga Moscoso, agosto 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario