miércoles, 13 de junio de 2012

Antas-dolmenes no Concello de Friol

INTRODUCIÓN

Sen dúbida no concello de Friol atópanse algúns dos exemplares mégalíticos máis sobranceiros de Galicia. Desgrazadamente tamén aquí foron esnaquizadas moreas de mámoas e antas. Excepto a Anta da Moruxosa, as outras que vou expor aquí aínda non as puiden visitar. Seguín para esta exposición a revista da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga que xa ahi anos fixo unha loable labor de catalogación das antas e mámoas dos concellos de Friol e de Outeiro de Rei. Deles recollín tanto os textos como as fotografías.


ANTA-DOLMEN DA MORUXOSA

Para chegar. Atópase a seis qms de Friol, sempre collendo a estrada con dirección a Lugo. Hai que coller o camiño que está á beira dunha casa que hoxe están restaurando á esquerda, antes da encrucillada que leva a Cotá. A anta aséntase a uns douscentos ms.



Fotografía do ano 1993. Ramón Boga.

Forma parte dunha necrópole composta por catro mámoas. Na mámoa na que se insire non  se aprecian restos de coiraza. Está cortada polo lado do SL por un cómaro de terra, o que impide a súa visualización e asemáis está a alteralo estéticamente. Tamén, a proximidade á pendente que da pé a cunca do río Narla cara ao norte, supuxo a erosión da masa tumular tamén por isa zona. A cámara sitúase dentro do perímetro do cono de violación.


Planta segundo versión de Ramón Boga.

Tipolóxicamente a cámara megalítica é das do tipo poligonal con cinco esteos in situ, aínda que unha parece que foi arrincada e chantada novamente. Tamén conserva a pedra cobertora. Aínda que parece que non ten corredor, esa posibilidade non debería descartarse. 



Fotografía do ano 1995, Ramón Boga

A cámara, como feito reseñable, ten unha adscrición tipolóxica de non doada solución: posúe un aspecto que a acerca máis as cistas (se cadra debido á perda de esteos), sen embargo a posibilidade que hai que barallar é a de que se trate dunha cámara poligonal de gran simetría e escasas dimensións, como diciamos máis arriba.



Fotografía do ano 2010, Ramón Boga.

A cámara está  incompleta e non se pode afirmar que fose aberta ou pechada, posto que non se detecta a existencia do corredor. Conserva no lugar orixinal cinco esteos, engadindo os que forman parte da cámara e unha lousa que permanece apoiada sobre a pedra cobertora na zona do SL. O conxunto arquitectónico contaría posiblemente coa existencia dun sistema de contraforte de laxes situadas na cara externa dos esteos, como o testemuña algunha pedra que aínda se conserva.



Fotografía do ano 2010. Ramón Boga.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso


ANTA-DOLMEN DA MEDORNA DAS PALLOTAS

Para chegar. Desde o barrio de Quintá, na parroquia de Ousá, sae un camiño cara ao norte que leva ao caserío de Pedra do Couto. Ao longo dese camiño e, no contorno do devandito caserío, existen varias mámoas máis.

Talvez a máis interesante delas, situada no Monte do Carballiño é a sinalada co nome de Medorna das Pallotas, posto que aínda conserva visible parte da anta.

A mámoa foi violada en numerosas ocasións e contan os veciños que nunha delas apareceu un "pucheiro e carbóns". 





ANTA-DOLMEN DA MEDORNA DA ZANCA

Para chegar. Atópase na parroquia de Vilalbite, preto dos barrios de Rebolo e Donas, no chamado Monte de Santa Marta.

Parece que é moi semellante ao Forno do Verdellón (que veremos máis adiante), amosando unha cámara poligonal formada por cinco esteos e corredor pouco desenvolvido, composto, á súa vez, por dúas pedras. Tamén conserva a pedra cobertora. Algúns dos esteos desta anta permanecen removidos e fóra do seu lugar orixinal

A anchura máxima da cámara acada os tres ms e a lonxitude total da anta, engadindo o corredor, chega ata os tres ms con trinta cms. A tampa ou cobertora é tamén de boas proporcións e acada un espesor máximo de 50 cms. 

Esta anta coñécese tamén co nome de Forno dos Mouros.



ANTA-DOLMEN DE NODAR

Atópase no Monte do Muíño do Canteiro. Trátase dunha anta que aínda se atopa en bastante bó estado.




ANTA-DOLMEN CERCA DA MEDORNA DA ZANCA

Para chegar. Está ubicada a uns cen ms ao oeste da Medorna da Zanca e sufriu peor sorte durante os traballos de roturación do monte. Hoxe está prácticamente destruída.

Aprécianse esteos espallados e unicamente un gran esteo parece atoparse na súa posición orixinal, ou polo menos pouco remexido.




ANTA-DOLMENES DO VERDELLÓN

Estaban na parroquia de Ousá, moi cerca do grupo de casas onde está a igrexa parroquial, ao sul do Cordal de Ousá, na finca ou lugar do Verdellón.

Tamén eran coñecidas polo nome de Forno dos Mouros.

A necrópole estaba conformada por catro mámoas prácticamente laineadas entre sí e tamén con outra (no límite dos Concellos de Outeiro de Rei e Friol) chamada "Modorra do Monte Pico". Lamentablemente, as dúas mámoas máis interesantes do conxunto foron totalmente destruídas ao preparar a finca para o seu cultivo.


PRIMEIRA ANTA DO VERDELLÓN

Conservaba a cámara intacta con excepción da pedra cobertora. Tratábase dunha anta adscrita á tipoloxía de planta poligonal composta por sete esteos, dous deles cunha anchura dun metro e medio aproximadamente. Tamen posuía un pequeno corredor pouco desenvolvido, composto por dous ortostatos paralelos que tiñan ao final unha pedra de peche. Tamén conservaba a pedra cobertora e parece ser que bastante curiosa pola súa forma: nos seus extremos tiña sección triangular que disminuía a medida que se avanzaba cara ao outro lado.



SEGUNDA ANTA DO VERDELLÓN

Conservaba cinco esteos da cámara, dous deles probablemente movidos da súa posición orixinal. Parece ser que os cinco chantos, así como outras pedras de menor tamaño que formaban parte da estrutura tumular e algunhas máis espallados polos arredores, atópanse en moreas ao longo da finca.



Nota: As fotos e os textos, retocados, foron extraídos da revista "A Croa", Boletín da Asociación de amigos do Castro de Viladonga. Ano 1996.

Tanto o artigo como as fotografías son de Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela. O artigo titúlase "Prospeccións no Concello de Friol (I): Mámoas e folclore arqueolóxico".

No hay comentarios:

Publicar un comentario