domingo, 24 de junio de 2012

ANTAS-DOLMENES DE MELIDE E TOQUES.


ANTA-DOLMEN FORNO DOS MOUROS. A Moruxosa, Toques

Antes de chegar a Toques debemos coller a estrada da esquerda que sinala Sobrado, ata chegar ao alto do Bocelo e, tras pasar Castro de Lobos e a aldea da Moruxosa, despois de catrocentos metros, hai unha pista de terra á dereita: a douscentos metros hai outra pista tamén á dereita desde a que, ata a anta, hai outros catrocentos metros.



Ubícase nunha penichaira no sector setentrional da serra, na divisoria de augas de mesma, nunha zona cha. Está á beira do Camiño Real que percorre a cima da Serra do Bocelo e foi escavado en diversas campañas a aprtir do ano 1987.



Fotografía do ano 1992. Ramón Boga.


A mámoa está constituída por terra de cor pardo negruzco no que se parecian moitas pedras espalladas. Nun dos perfiles superiores dunha cata arqueolóxica atopoue a 65 cms de profundidade, unha estreita capa de terra de cor vermello. As medidas acadan no eixo N-S os 19, 2 m e, no eixo L-O, máis de 22 ms. A morfoloxía xeral da mámoa atópase en bo estado. 



Planta segundo verjsión de Ramón Boga


No centro da mámoa atópase a anta que describe planta poligonal de grandes dimensións, con corredor de dous tramos. Non se conserva a pedra cobertora do corredor. 



Fotografía do ano 2008.
Ramón Boga.



No interior hai colocado un sistema de entivado e unhas vigas de ferro cara ao exterior que foron colocadas despois das intervencións arqueolóxicas.



Fotografía do ano 2008.
Ramón Boga.


A cámara posúes sete esteos  e o corredor catro. Case todos os esteos do corredor están profusamente decorados: predomina a cor negra e roxa sobre un enlucido branco, formando zigue-zagues e algúns puntos illados. 


Fotografía do ano 2008. Ramón Boga.


O enxoval exhumado nas diversas escavacións axústase ás características xerais dos enxovais galegos, a saber, a pobreza da súa composición, polo que se pode dicir que o que individualiza a este monumento con respecto a outros é o seu tamaño, as pinturas atopadas nos esteos da cámara, o bo estado da estrutura tumular e arquitectónica e o anel peristalítico.



Restos das pinturas nos esteos da cámara
do Forno dos Mouros




Debuxo de Ramón Boga Moscoso


PEDRAFITA-MENHIR "NATURAL" A Pena da Moura

Trátase duns espectáculares penedos tallados de xeito natural pola caprichosa natureza. Son moi interesantes as lendas que chegaron ata nós: por iso considero importante e necesario engadir este elemento á lista de monumentos megalíticos. 


Pedrafita natural A Pena da Moura. Fotografía do autor, 1990


A Pena da Moura disque trouxoa unha unha vella fiando, pero ao sentir que o peso dos penedos era excesivo, a señora dixo: "vaite pena, que aínda pesas ben, veña un raio que te parte". Iso, por suposto, ocurriu e por iso tamén podemos ver hoxe un anaco do penedo que lle tirou o raio.

Segundo outra lenda, a Pena da Moura foi enfeitizada cunha caldeira de cobre chea de ouro, un adival e un bastón. Enrolaron o adival na caldeira e fixeron tres cruces co bastón dicinco: "o que daquí te desencantare tres paus con este bastón che ha de dare". O adival converteuse nunha terrorífica serpe.


ANTA-DOLMEN PENA DO RAPOSO. Meire, Melide

Para chegar. Debemos coller a estrada de Melide a Lugo e, logo de dous quilómetros, cruzaremos o río Furelos e, inmediatamente á esquerda, hai un desvío que leva a Meire. Cerca de dous quilómetros despois, hai outro desvío tamén á esquerda que acaba nunha granxa de porcos. Ao carón da entrada ubícase a anta.



Fotografía de Cuevillas na década de 1920


Como dicía, está moi cerca da igrexa de San Pedro de Meire. Cuevillas a deu a coñecer con nome de Pena do Raposo, si ben  a zona onde se asenta é coñecido co nome de Pedra do Carbón.




Planta versión de Ramón Boga,  segundo a planta de Cuevillas


Posúe dez esteos dos que oito están in situ e dous caídos no interior da cámara. É unha anta de camara poligonal e corredor pouco desenvolvido, debuxando unha forma xeral en "V".



Fotografía do ano 1991. Ramón Boga.


Atópase en mal estado de conservación posto que as pedras que a conforman hoxe en día están moi remexidas. Dos dez esteos á vista, que son de grandes dimensións, o máis alto mide un metro e corenta centímetros, un metro e oito de ancho e corenta e nove centímetros de grosor.



Fotografía do ano 1991. Moncho Boga


Aínda que na planta debuxada por cuevillas había unha pedra cobertora do corredor, cando eu a visitei non puiden determinar si está ou non, debido sobre todo á moita vexetación que a estaba a cubrir por isa beira.

Enxoval exhumado por Cuevillas







ANTA-DOLMEN FORNO DE VARELA I. Toques


Trátase de dúas mámoas ubicadas no sector central  no Bocelo. P ara chegar debemos partir desde  o lugar do Río de Ameneiros. Unha vez percorridos uns 500 m hai que coller un camiño en dirección NO que leva ao Camiño Real. Seguindo cara á esquerda a uns 130 ms, xa podemos ver inmediatamente os túmulos á beira esquerda do Camiño, nunha zona recentemente  repoboada de piñeiros.



Felipe Criado, 1980


As dimensións da mámoa Forno de Varela I amosa unhas dimensións de 20 ms no eixe N-S e uns 16 ms para o eixo L-O. Sobresae ao redor dun metro e medio. Espalladas pola mámoa afloran algúns bloques de cuarzo que seguramente forman parte da estrutura tumular.


Matilde González, década de 1990


No interior da mámoa aprécianse os restos dunha cámara composta por tres esteos verticais e unha gra pedra cobertora, todas elas de granito.


Ramón Boga Moscoso, 2007


Cando visitei esta anta con Fidel Méndez, a mámoa atopábase absolutamente cuberta de poderosos toxos que impedían a súa visibilidade.


Ramón Boga Moscoso,  2007



ANTAS-DOLMENES DO LOMBAO. Toques

Os probes restos desta anta atópanse nunha mámoa que se insire nunha necrópole composta de nove mámoas. Atópanse sobre unha aba alta dunha dorsal das estribacións da serra de O Careón, a certa distancia da aldea de Porto Salgueiro: desde este lubar hai un camiño de terra que sube en dirección O. Unha vez percorrido cerca dun quilómetro aparece un cruzamento no que hai que coller o camiño da esquerda, que chega a un pequeno regato. Unha vez vadeado, continuaremos cara ao monte de enfronte, onde se emplaza a necrópole. 


ANTA-DOLMEN nº 3 do Lombao

Aínda que non se conservan cámaras enteiras, en varias das mámoas hai restos das estruturas arquitectónica que se cifran en varios esteos. A sinalada co número 4 insírese nunha mámoa moi pequena que conserva un esteo da cámara megalítica. Mide de ancho uns corenta centímetros e sobre cincuenta centímetros de altura.



Fotografía de Matilde González Méndez


A mámoa é moi pequena amosando as seguintes dimensións: catorce metros e medio no eixo N-S e dazasete metros no L-O. Aproximadamente sobresae uns corenta centímetros.



ANTA-DOLMEN nº 4 do Lombao

A mámoa na que se ubica é tamén de pequenas dimensións e no centro eríxese unha anta moi pequena -como corresponde- conformada por catro esteos.



Fotografía de Matilde González Méndez



ANTA-DOLMEN DA NECRÓPOLE DE PONTE DA PEDRA. 

Trátase dunha necrópole composta por catro mámoas. Para chegar, desde o lugar de Souto (capital municipal) hai que coller a estrada de Melide ata atopar un cruzamento á esquerda sinalizado como "Ponte da Pedra". Seguindo por ese desvía  ata chegar a uns cen metros antes de Ponte da Pedra onde as mámoas atópanse do lado dereito. 


Anta Ponte da Pedra nº 3

Insírese nunha mámoa de dimensións medianas no que  pódese albiscar un esteo que seguramente pertence á cámara.


Fotografía de Matilde González Méndez
   


ANTA-DOLMEN da necrópole de Monte da Arca.

Atópase na cima da Serra do Careón, nas terras máis altas. Componse de once mámoas. Para chegar hai que partir desde San Xiao e coller un camiño que leva ao Monte da Arca en dirección NL. As mámoas 1, 2 e 8 amosan restos da cámara megalítica.



Fotografía de Matilde González Méndez
.

 
NECRÓPOLE DE CISTAS do Agro da Nogueira

Atopouse co galo da escavación dunha villa romana rustica: este asentamento construiuse por enriba dunha necrópole de fosas e cistas adscritas cronolóxicamente á Idade do Bronce.

Para chegar hai que partir do lugar de Piñeiro e atópase moi cerca do Castro de Piñeiro.

Debaixo do nivel romano (villa agropecuaria romana adscrita ao s IV a XC)  apareceu un xacemento da Idade do Bronce do que se constataron ao redor de 11 sepulturas. 

Dentro da variedade de estruturas funerarias destacamos o achado dunha cista sen violar, conformada por cinco esteo que debuxan un espazo poligonal de dimensións moi pequenas, como corresponde á época. No interior atopouse un único elemento do enxoval, a saber, un vaso cerámico liso.



Fotografía de
Matilde González Mendez



ANTA-DOLMEN DE SAN CIDRE. Serra do Careón, Toques.

Trátase dos restos dunha anta descubertos debaixo das ruínas da antiga capela de San Cidre, nos altos da Serra do Careón. Efectivamente, ao estudar os restos da capilla, no que sería a ábsida, atopouse a estrutura case circular dunha anta das que se conservan pequenos esteos que formarían parte da cámara, con tipoloxía poligonal tendente ao círculo. 

Os veciños pretendían reconstruir a capela da que só quedaban os alicerces dos muros e un cruceiro chantado no muro do oeste. Sen embargo as autoridades optaron, esta vez saviamente, por estudar os restos e reconstruir a capela uns metros máis abaixo. Por iso poideronse atopar os restos da anta.

Estamos diante doutro exemplo do que supuxo a cristianización de moitos elementos prehistóricos. Concluir dicindo que aínda non hai ningunha publicación sobre a prospeción destes restos.




En primeiro termo, restos da anta dentro dos muros da ermida primitiva. Ao fondo, a nova ermida de San Cidre. Foto de Ramón Boga, 1997






BIBLIOGRAFÍA

González Méndez, Matilde: "La revalorización del Patrimonio Arqueológico. La definición de un programa para el Ayuntamiento de toques (A Coruña)" Xunta de Galica. Arqueoloxía/Investigación 8, 2000.

Criado, F. (dir.): "Arqueología del Paisaje. El área Bocelo-Furelos entre los tiempos paleolíticos y medievales" Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.

López Cuevillas et al.: "Terra de Melide". Santiago, Seminario de Estudios Galegos, Ediciós do Castro.








































No hay comentarios:

Publicar un comentario