jueves, 7 de junio de 2012

Antas-dolmenes da Terra de Ordes e Barcala Xallas




INTRODUCIÓN XERAL

Desde o punto de vista xeográfico a Terra de Ordes corresponde a un conxunto de terras amesetasa ou penechairas polas que discorren os principais debeores que, pola dereita, verquen as súas augas no río Tambre. Por iso históricamente se identifica esta terra coa casa dos Trastamara, denominación que segundo algúns, facía referencia ao emprazamento con respecto ao curso deste río.

É terra de paso do Camiño Inglés ou de Faro e corresponde cos concellos de Cerceda, Ordes, Trazo, Val do Dubra, Tordoia, Mesía e Oroso.

A Terra de Barcala-Xallas, por outra parte, configúrase ao redor dos afluentes do río Tambre que conforman pequenos vales, dos que o máis importante é o da Barcala. Ao norte linda co Alto Val do Xallas que percorre as altas terras chairas de Santa Comba. Desta comarca son precisamente Santa Comba, Negreira e A Baña.

Nestas comarcas tamén abondan os contos lexendarios de mouros, encantamentos e asolagamentos de cidades tan misteriosas como prodixiosas.

No que atinxe ao horizonte tumular, existen inunmerables necrópoles megalíticas espalladas por ambas as dúas comarcas: aínda que o número de cámaras non é moi grande en relación co de outras comarcas galegas, sí é de extraordinaria importancia de cara a un mellor coñecemento do megalitismo galego.



ANTA-DOLMEN DE CABALEIROS OU CASA DA MOURA. Tordoia

Para chegar. Desde A Silva, hai que coller a estrada que leva a Ordes e, no lugar da Tablilla, aos catro quilómetros, debemos xirar cara a Pontepedra, capital municipal do concello de Tordoia. Aos sete qms, aproximadamente, atópase a anta á beira da estrada, ben sinalizada con carteis da Deputación da Coruña, propietaria deste singular monumento. 



Atópase nun excelente estado de conservación e aínda hoxe en día pódese contemplar un bo resto da mámoa na que se acocha. Tamén dicir que hai poucos anos taláronse os piñeiros que non facian máis que estragar os restos do túmulo.

Segundo contan as verdadeiras crónicas veciñais foi unha moura, que levou a pedra cobertora na cachola voando mentres tecía, unha das responsables da súa construcción.



Fotografías realizadas por Ramón Boga, 1993.

Pertence ao tipo de antas de cámara poligonal e é posible que o corredor sexa  desenvolvido. A cámara acada os tres métros e dez centímetros no eixo maior e unha altura máxima dun metro e setenta centímetros. A estrada que pasa ao seu carón, estragou boa parte da mámoa.


ANTA-DOLMEN DE CASTENDA. Tordoia

Hai uns anos, mentres lía o xornal, unha noticia chamou inmediatamente a miña atención. O xornal era La Voz de Galicia e a noticia, resumida, viña a contar o que segue: recentemente -dicía- atopouse un novo dolmen no Concello de Tordoia. O dono do terreno non sabía que as grandes pedras que se amoreaban nas súas fincas formaban parte dunha anta, semellante á moi coñecida e próxima de Cabaleiros. Comezouse a decatar diso e a atar cabos a raíz das novas de declaración de BIC da anta de Cabaleiros e tamén a raíz dos traballos de desbroce e tala de piñeiros que se estaban a realizar alí. Deste xeito o home (cuxo nome é José Suárez) amosoulle as pedras a un arqueólogo: éste confirmou que efectivamente se trataba dun monumento megalítico e que ademais só lle faltaba a pedra cobertora, conservando todas as demais pedras da estrutura arquitectónica. Efectivamente, segundo  Suárez, a pedra cobertora fora reutilizada na década de 1970 para construir unha ponte.

A noticia proseguía clarexando que o Alcalde prometera restaurar a anta e volver a colocar a tampa no seu lugar orixinal.

Desde entón aínda non tiven a oportunidade de visitar esta nova anta, pero para que vos decatedes da súa importancia, amósovos a fotografía que procede do mesmo xornal.




MÁMOA DE RECHABA, Andoio. Tordoia

A mámoa foi destruída na súa totalidade e destaca polo enxobal exhumado: unha maza bitroncocónica con perforación central, dous ciceis, un sacho de sección aplanada e rectangular, unha aixola e tres machadas de sección subrectangular, así como un curioso disco. 

Este depósito permitiu definin o que se vén dando en denominar "horizonte de Rechaba". 



Disco de Rechaba, segundo debuxo de Ramón Boga.



CISTA DE FARIÑAS. Santa Comba

Atopouse no lugar de Fariñas, pertencente ao concello de Santa Comba, preto do Castro de Fariñas.

Na cista exhumouse un puñal de espigo esnaquizado en tres anacos que mide ao redor de 358 mm de lonxitude. Atópase exposto no Museu Arqueolóxico de San Antón da Coruña. 


 
Debuxo do puñal de espigo segundo versión de Ramón Boga.



ANTA-DOLMEN DE ESPIÑAREDO. Monte Corzán, Negreira

Para chegar. Pola estrada de Negreira en dirección a Urdilde e Outes, debemos coller o desvío á esquerda que, aos sete quilómetros, debuxa un cruzamento que indica "Xallas". A algo máis dun quilómetros, viraremos á esquerda ata chegar a Pedralonga. A anta atópase a un quilómetro seguindo unha pista á esquerda.



Debuxo da Anta de Espiñaredo segundo Ramón Boga.


Emprázase no Monte Corzán -monte sagrado, segundo dicires de Manuel Murguía- no Concello de Negreira. Murguía describe na súa Historia de Galicia unha anta formada por oito grandes esteos que posuían gravuras  pola parte interna. 


 

Gravados nun esteo da Anta de Espiñaredo.


Hoxe en día permanecen ergueitos dous esteos dos que un deles amosa decoración de liñas serpentiformes e un motivo que probablemente sexa un puñal. 


ANTA-DOLMEN DE AIAZO. Frades

Os esteos do que fora unha gran anta atópanse á beira dunha pista feita para a concentración parcelaria nestas terras. Ao desmontar os terreos, desmontouse tamén esta que podería ser unha das grandes antas da terra galega.




Segundo meu amigo Manolo Pazos, de Oroso, incansable defensor do patrimonio nestas terras, tamén se coñecía co nome de Peneda de Guntín. 




A brutal insensibilidade cara á conservación do noso patrimonio posibilitou que no ano 1995 os obreiros das obras da Concentración parcelaria destruisen a mámoa. Así, hoxe en día podemos ver tiradas no arredor, á beira da pista, seis enormes esteos dos que o máis grande acada unha lonxitude de máis de catro metros. 



Fotografías realizadas no ano 1997 por Ramón Boga Moscoso


No hay comentarios:

Publicar un comentario